Recta final para a declaración oficial da Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera


A candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a Reserva da Biosfera encara a recta final cara á súa proclamación oficial por parte da Unesco este mesmo ano.

Así o indicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou o miradoiro do Cabo do Mundo, no concello lucense do Saviñao, desde onde se pode ver unha das mellores panorámicas desta zona.

Este foi o lugar escollido para facer balance do traballo dos dous últimos anos ata chegar ao momento actual, pendente tan só do pronunciamento do Comité Internacional de Coordinación do programa MaB (Man and Biosphere), órgano reitor da Unesco e responsable da decisión sobre as candidaturas.

Deste xeito, aínda que o acto de proclamación estaba previsto inicialmente para xuño en Nixeria, o comité español do MaB acaba de notificar que a reunión se pospón, como mínimo, ata o final do verán.