Tigres coma cabalos forma parte da ampla programación desenvolvida para celebrar o Día das Letras Galegas, con máis de medio cento de accións presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Unha programación froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia de Xela Arias, que abranguen multitude de iniciativas de participación social e cultural, fomento da igualdade e integración, así como accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e no exterior.
A mostra, que pode visitarse no Museo do Mar de Vigo, partiu de 24 poesías de Xela Arias e 24 fotografías de Xulio Xil e cada un deles traballou a proposta do outro ata acadar as 48 fotografías e 48 poemas das que se compón o proxecto. Os autores destacaron desde o primeiro momento a independencia dos traballos fotográfico e poético na súa orixe e o proceso de intercambio creativo posterior, poñendo de relevancia o feito de que non se trata de pés de foto nin de ilustracións ao texto.