18
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhibirá de xeito permanente unha obra realizada na Arxentina por Luis Seoane. Trátase dun gran mural de 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si. Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado –con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata–, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio. Na parte superior, unhas rodas lembran ás dos carros de bois, mentres que na parte inferior se atopan as ondas do mar e conta coa sinatura característica do autor no ángulo superior esquerdo.