Reducen a unha muller ameazante cun coitelo no centro de saúde de Carballo

1 minutes read
  • En Vimianzo unha muller acoitela a súa parella nunha perna.
  • Unha persoa necesitou asistencia médica tras un accidente na rúa da Saúde en Carballo.

Nas últimas horas acontecían varios episodios inusuais na comarca que obrigaban a intervir ás forzas de seguridade para restablecer a orde. En Vimianzo unha liorta entre un home e unha muller que daba comezo nun céntrico bar da vila, remataba na rúa co varón cunha ferida punzante por arma branca nunha perna. Aínda que de momento non constan denuncias ao respecto, o home tivo que ser evacuado do lugar para ser atendido da ferida no PAC da localidade. A Garda Civil instruíu as correspondentes dilixencias para tratar de esclarecer os feitos e dirimir responsabilidades.

En Carballo, na mañá deste mércores, unha muller tivo que ser atendida por un equipo sanitario na rúa da Saúde. A muller estaba moi nerviosa tras un percance cun turismo, perdendo o sentido da orientación por momentos.

En Carballo, a primeira hora da tarde, tamén deste mércores, o 112 Emerxencias Galicia activaba unha alerta do centro de saúde por unha muller de mediana idade que se atopaba no departamento de Psiquiatría en actitude ameazante, incluso con ela mesma, cun coitelo na man. Ao lugar acudía de inmediato unha patrulla da Policía Local, que tras analizar a situación, os axentes foron quen de neutalizar á muller evitando así danos maiores.