Reflotan o narcosubmarino atopado na ría de Arousa


Efectivos de Garda Civil e Vixilancia Aduaneira conseguiron reflotar este martes, contra a unha da tarde, o narcosubmarino que permanecía afundido a unha milla no interior da ría de Arousa, fronte ao porto de Vilaxoán. Os mesmos investigadores confirmaron que non atoparon droga no interior do somerxible. A primeira hora da mañá iniciábanse eses traballos para recuperar a embarcación localizada este luns en augas da ría de Arousa. As condicións meteorolóxicas eran mellores e os labores desenvolvéronse con relativa rapidez. Tiña a proa soterrada na lama e houbo que meterlle aire dentro para sacalo con máis facilidade, sen que sufrise danos. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, explicaba que era máis grande do que semellaba inicialmente porque estaba moi enterrado na lama. O somerxible, de fibra de vidro, ten entre 16 e 22 metros e capacidade para transportar uns 5.000 quilos de droga. Investígase se este somerxible ten relación coas tres potentes planadoras que apareceron abandonadas hai 3 semanas en Ribeira. Un xulgado de Vilagarcía instrúe este caso.