Regresou a expedición carballesa que viaxou á vila francesa irmá de L’Isle Joudain

3 minutes read

Unha vintena de carballeses e carballesas viaxou á vila irmá de L’Isle Joudain. A saída tivo lugar o pasado venres, 30 de
xuño, cunha axenda moi completa de actividades.
A xornada do sábado pasárona na vila francesa, pola mañá cunha recepción na casa do concello onde participaron, entre outros, o alcalde de L’Isle Jourdain, Francis Idrac; Christine Ducarrouge, conselleira departamental; Angèle Thulliez,
responsable de patrimonio no concello de l’Isle Jourdain; José Luis Pereira, director do comité departamental de turismo – Destination Gers; Jean Marc Delpeyroux, presidente do comité francés de irmanamento; e Ana Cancela, presidenta do comité carballés.

Todos eles destacaron a emoción de reencontrarse despois da paréntese que houbo que facer nas viaxes anuais por mor da pandemia. A presidenta do comité carballés, Ana Cancela, engadiu o agradecemento ao traballo dos comités de irmanamento dun e doutro lado da fronteira e tamén a participación da xente de Carballo nas numerosas actividades propostas ao longo do ano. Asimesmo, recoñeceu o apoio institucional ás iniciativas postas en marcha no marco do irmanamento.
Logo do acto oficial, houbo tempo para gozar da vila, visitar o seu museo europeo das campás ou participar en obradoiros de achegamento á cultura da rexión occitana para rematar á noite co festival “Escota e minja”, unha festa moi popular cunha cea multitudinaria ao aire libre, amenizada con música en directo.
Excursións
A expedición puido gozar de visitas a diversos lugares de interese do sur de Francia. O domingo 2 de xullo visitaron Moissac, Lauzerte, Cahors e o pobo considerado como o máis fermoso de Francia: Saint-Cirq-Lapopie.
O luns, os carballeses, acompañados por parte das familias de acollida, percorreron unha ruta, ás veces mesmo algo escarpada, para descubriren varias fortalezas dos antigos cátaros, que noutrora habitaban a rexión. Subiron ata Montsegur, xantaron ao carón do lago e o castelo de Puivert, brindaron co espumoso “Blanquette”, o máis antigo do mundo, en Limoux, e remataron a
tarde na impresionante fortaleza medieval “Cité de Carcassonne”, a maior das que se conservan en Europa.
O xoves tocou visita a Toulouse, cidade cercana a L’Isle Jourdain, unha das máis importantes de Francia e motor económico da rexión. Alí visitaron a “Halle de la machine “, unha exposición de máquinas concebidas, no seu momento, para as máis incribles aplicacións que calquera poida imaxinar, entre elas, seres mitolóxicos articulados coma o Minotauro, sobre o cal puideron dar un paseo polas que, noutrora, foran as pistas de despegue do correo por avión. Houbo tempo tamén para pasear pola cidade e visitar a “Casa das violetas” nun barco en pleno “Canal du Midi”.
Despedida
O lago da vila de L’Isle Jourdain foi escenario da festa de despedida que tivo lugar no serán do martes. Un acto no que non faltou de nada: música tradicional occitana, galega, e cancións populares en francés e español. Por suposto tamén houbo baile gascón e comida, acompañada de viños da rexión, e co broche das sobremesas caseiras, entre as que estaban as crèpes e tamén algún biscoito elaborado por mans galegas. A saída cara a Carballo, prevista para as 8 da mañá deste mércores, foise retrasando ata case unha hora despois a causa dos abrazos infinitos. A próxima cita será en 2024, desta volta en Carballo.