26 edificios de titularidade autonómica están a ser rehabilitados con especial fincapé nas actuacións de mellora da eficiencia enerxética, grazas ao investimento de algo máis de 27,3 millóns de euros que a Xunta recibirá de fondos europeos Next Generation.
Finalmente este foi o número de proxectos aceptados que corresponden á Comunidade autónoma, despois de traballar polo miúdo en cada un deles para que se adaptasen ás características requiridas no programa.
Unha ampla maioría dos edificios públicos, 21 en total, corresponden á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase de obras en centros educativos de 16 concellos, a maioría xa en marcha, que están a ver mellorada a súa eficiencia enerxética con novas luminarias, optimización da calefacción, substitución da carpintería exterior, renovación das ventás ou cambio das cubertas, entre outras medidas. Estes traballos realízanse seguindo o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado hai uns meses e que deseña un modelo de escolas poscovid.
Outros catro inmobles son propiedade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ademais é o departamento encargado de xestionar estas subvencións. Neste caso, trátase do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, localizado na Coruña; o centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios; o centro de recepción de visitantes do Parque Natural O Invernadeiro, en Vilariño de Conso; e o edificio administrativo da Consellería, situado en San Lázaro (Santiago de Compostela), onde se reducirá o consumo de enerxía nun 50%.
Así mesmo, tamén se rehabilitarán os antigos xulgados da rúa Lalín, en Vigo —propiedade da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo—, co fin de albergar novos espazos destinados a asociacións e entidades sociais da cidade. Neste caso, modificarase completamente a súa envolvente térmica.
Cómpre sinalar que os inmobles teñen todos unha data de antigüidade anterior a 2009, tal e como estaba indicado no programa. As obras deberán cumprir os requisitos dunha redución do consumo de enerxía dun mínimo do 30% e unha política na que polo menos un 70% dos residuos de construción e demolición se preparen para reciclaxe e reutilización. Ademais, terán que seguir destinados a uso público e manter ese uso un mínimo de 20 anos desde o fin das actuacións.