Remata a primeira fase de investigación sobre un xacemento romano localizado na Illa de Ons


Trátase da primeira fase dunha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes na factoría de salga da praia Canexol, co fin de investigar os restos que se localizan neste punto e aumentar o coñecemento sobre a produción de salgas de peixe na época romana.

Os traballos desenvolvidos ao longo desta semana permitiron atopar restos de dúas fábricas de sazón da época romana do Alto Imperial (século I). Tamén se localizaron restos castrexos e multitude de vestixios arqueolóxicos cun alto valor, como material óseo animal e malacofauna (molúscos); así como restos antigos da Idade de Ferro.

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia facilitou a infraestrutura necesaria para levar a cabo esta intervención arqueolóxica, liderada polo Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

Así, o equipo -dirixido polo arqueólogo Adolfo Fernández- rexistrou dixitalmente todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia e que están sendo moi afectados pola erosión mariña. A súa monitorización permitiu medir e avaliar a progresión da afectación dos restos ao longo do tempo e tomar medidas protectoras de ser necesario. En segundo lugar, no marco da intervención tamén se realizaron varias sondaxes arqueolóxicas co obxectivo de recuperar datos da fábrica e delimitar o xacemento para poder protexelo.

Esta intervención forma parte do proxecto I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O obxectivo deste proxecto é o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no noroeste peninsular durante a época romana.