O Concello de Zas lembra que remata o prazo para anotarse na actividade ‘Mirada ao firmamento dende o pasado’, que se celebrará este xoves, 13 de agosto, no Dolmen da Arca da Piosa e que estará guiada polo divulgador científico e veciño de Zas Jorge Mira.
A proposta combina unha camiñada nocturna, patrimonio arqueolóxico e divulgación científica nun dos espazos máis emblemáticos do municipio. Ademais, terá un atractivo especial ao converterse na primeira observación astronómica que se celebra na Costa da Morte despois da eclipse, ofrecendo a oportunidade de volver dirixir a mirada ao ceo desde un enclave de gran valor patrimonial e paisaxístico.
A participación é gratuíta, pero é imprescindible realizar inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse a través do formulario en liña dispoñible na páxina web do Concello de Zas ou chamando ao 981 751 398. O prazo de inscrición remata nos próximos días.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, anima a aproveitar estes últimos días para formalizar a inscrición: “Estamos ante unha actividade moi especial, tanto polo lugar no que se desenvolve como polo momento no que se celebra. Queremos que a Arca da Piosa volva ser un punto de encontro para descubrir o noso patrimonio, pero tamén para mirar cara ao ceo e coñecer mellor o universo que nos rodea”.
Programación
A actividade dará comezo ás 22:00 horas, con saída desde Santa Sía de Roma. Desde alí, as persoas participantes realizarán unha camiñada duns dous quilómetros, de dificultade baixa, ata chegar ao Dolmen da Arca da Piosa. Unha vez no dolmen, Jorge Mira conducirá a sesión de observación e interpretación do ceo nocturno, achegando ao público os coñecementos necesarios para comprender e gozar do firmamento desde este singular enclave megalítico.
Ao remate da observación, no propio espazo do dolmen, as persoas asistentes poderán desfrutar tamén dun espectáculo teatral e de luces, completando unha experiencia que pretende conectar patrimonio, ciencia, natureza e cultura.
Desde o Concello recoméndase ás persoas participantes levar roupa de abrigo, lanterna e unha manta para deitarse, co obxectivo de gozar da observación astronómica nas mellores condicións.