O Programa Intregrado de Emprego de COGAMI logra a inserción do 74% dos participantes

1 minutes read

COGAMI remata o Programa Intregrado de Emprego que desenvolveu nas oficinas que ten nas cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, co fin de impulsar as condicións da empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade e incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de favorecer e mellorar as súas condicións laborais.

O programa chega ao seu fin despois de que un equipo técnico formado por seis profesionais de inserción laboral atendera durante este ano a 131 persoas, 76 homes e 55 mulleres, todas apuntadas na base de datos da área de Emprego de COGAMI.

O Programa Integrado leva parello un compromiso de inserción por conta allea ou propia, como mínimo, do 35 % das persoas participantes. COGAMI superou dito compromiso logrando a inserción laboral do 74% das persoas que entraron no mes de xaneiro no programa.

A formación é unha das apostas para acadar melloras de inserción. Os cursos impartidos neste programa trataron temáticas como: auxiliar de almacén e manexo de carretilla, comercio, atención ao cliente, auxiliar de servizos e manipulador de alimentos. En total impartíronse 327 horas en formación nas que se formaron 83 persoas.