- Nun mes ou mes e medio poderase saber con exactitude o «ano de nacemento» deste xacemento arqueolóxico
Este venres rematou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, no concello de Vimianzo, un xacemento arqueolóxico «moi potente» e que contén unha cantidade de información «única», admite Tito Concheiro, arqueólogo xefe do equipo de Terra Arqueos.
Tras estes traballos quedou á vista unha área visitable con seis cabanas e un pano de muralla de máis de trinta metros de lonxitude, con tres escalóns (descubriuse un novo este ano) e onde se ten posta agora a mira esperanzadora: o parapeto, onde seguramente se atope mellor conservada.
Entre a muralla e unha das vivendas atopáronse unha serie de estruturas negativas, é dicir, os ocos que restan son construcións feitas en madeira. «Isto é moi importante, xa que neste Castro había moita madeira», destaca Concheiro, quen ademais di que é «fundamental visitar os castros con imaxinación […] posto que o que sae é sempre unha mínima parte do que foi».
O equipo de Terra Arqueos sinala que, a nivel material, atopáronse moitos fragmentos que deberán clasificarse e estudarse pero «a bote pronto, é un material interesantísimo, moi rico e cunha porcentaxe de decorado grande, que deixa entrever que estabamos nun cruce de camiños». «Vimianzo hoxe en día é un cruce de camiños e xa o era na prehistoria», admite Concheiro, quen ademais agradeceu ao Concello «ter apostado por este xacemento arqueolóxico, cun programa que o dinamizou coas visitas de centros educativos. É moi importante que o coñezan, porque ten un potencial educativo e lúdico único».
Pola súa banda, Luis Francisco López, membro do equipo de arqueoloxía, recalcou que «intentaremos precisar os límites cronolóxicos. Cando se funda, cando se abandona e máis que nada é o que intentaremos precisar un pouquiño máis, porque así entenderemos mellor este xacemento».