Rematadas as obras de renovación da avenida do Bierzo, no Barco de Valdeorras


A actuación desenvolveuse nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna.

Para conseguir este obxectivo, mellorouse a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.

Incrementouse o ancho da beirarrúa na marxe esquerda para mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que antes tiñan accesos con importantes desniveis. A partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliouse o ancho das dúas beirarrúas.

Tamén se reordenaron os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.

Os últimos traballos centráronse na instalación das xuntas do paso superior sobre o ferrocarril e na colocación da sinalización horizontal.

A intervención permitiu mellorar as condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.