- Os alumnos da iniciativa, que acolle diferentes actividades formativas e de orientación, comezarán a realizar prácticas non laborais a partir de xuño
Aproveitar as múltiples posibilidades de inserción laboral que ofrece a recuperación do sector do turismo. Este é o obxectivo do curso de Camareiro/a de piso que o ‘Programa integrado de emprego’ do Concello da Laracha vén de finalizar o pasado xoves 26 de maio. Ao acto de clausura asistiu a concelleira de Servizos Sociais, Promoción Económica, Sanidade, Muller e Emprego, Rocío López Rey.
Unha vez rematadas as actividades formativas, os alumnos do programa que tiveron un aproveitamento positivo da formación comezarán a realizar prácticas non laborais en distintas empresas da área. Os primeiros serán aqueles participantes dos cursos de Elaboracións básicas de cociña, Servizos básicos de barra e restauración, Organización de almacén e Camareiro/a de pisos.
Todas estas actividades teñen como meta a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas participantes. O obxectivo do programa é o de acadar que o 35% das persoas asistentes atopen un traballo e o desempeñen polo menos durante 3 meses. Polo de agora, arredor dun 25% están xa ocupadas.
Nos vindeiros meses, o programa acollerá novas actividades entre as que están os cursos de Xestión Loxística, Mellora de Xestión de Stock e Beneficios no Comercio, Aplicacións Informáticas de Xestión e Manexo de Follas de Cálculo, Emprendemento ou Coaching e Orientación, entre outras.