Rematan os traballos de conservación e limpeza de varios ríos de Val do Dubra

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar os traballos de conservación e limpeza, iniciados o pasado mes de marzo, nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Val do Dubra.

Concretamente, executou estes traballos en distintos treitos interurbanos dos ríos Dubra e Tambre, no rego de Fontán e nun rego innominado ao seu paso por distintos lugares da parroquia de San Cristovo de Portomouro.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que se levan a cabo nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 5,3 km, e os traballos centráronse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.