Rematou a vacinación do colectivo prioritario, residencias de maiores e persoas con discapacidade

1 minutes read

Sanidade vén de rematar a primeira fase da campaña de vacinación contra a covid, centrada no colectivo prioritario: os usuarios e traballadores das residencias de maiores e de persoas con discapacidade. Nesta semana, os equipos sanitarios puxeron a segunda dose aos últimos usuarios e traballadores dos centros que non tiveron gromos recentemente. As residencias que si tiveron gromos serán vacinadas tan pronto se normalice a situación.

Deste xeito, xa está vacinado o cen por cen do persoal e dos residentes da práctica totalidade das residencias da comunidade. En datas próximas, unha vez acadada a súa inmunización, revisaranse os protocolos de visitas e saídas ás residencias, que permanecen no máximo nivel de alerta desde os primeiros días do ano. Sanidade pide a usuarios, familiares e traballadores que manteñan o alto nivel de concentración e cumprimento das medidas de prevención e hixiene.