O campo de voluntariado internacional que organiza o Concello co apoio da Xunta de Galicia rematou despois de dúas semanas de traballo, convivencia e actividades culturais nas que participaron catorce mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de diferentes puntos de España (dous de Madrid e da Coruña e un de Zaragoza, Granada, Murcia, Badajoz e Vigo) e doutros países (dous de Italia e un de Colombia, Francia e Xapón).
O alcalde, José Manuel López Varela, despediu aos voluntarios no entorno do menhir de Erboedo, onde lles agradeceu o traballo desenvolvido ao longo destas dúas semanas e trasladoulles o desexo de que desfrutasen da súa estancia na Laracha. Na visita tamén participaron a concelleira de Xuventude, Patricia Bello, e o concelleiro Juan Carlos Amado.
Precisamente, a intervención no entorno do menhir de Erboedo foi a principal novidade desta edición. O ano pasado o Concello levou a cabo a corta dos eucaliptos existentes na parcela municipal na que se sitúa este elemento patrimonial, actuación que permitiu descubrir con maior claridade que o menhir se atopa nun emprazamento rochoso de forma circular ou elíptica. A partir deste achado, estase investigando agora se esa configuración do terreo responde a unha formación natural ou se, pola contra, podería tratarse dun elemento de orixe artificial relacionado co propio emprazamento do menhir. Neste contexto, os voluntarios centraron os seus traballos na deseucaliptización da parcela principal, eliminando os rebrotes dos eucaliptos que volveron xurdir.
A arqueóloga Puri Soto, responsable da supervisión arqueolóxica dos traballos, valorou como “moi eficiente” o labor desenvolvido polos voluntarios na eliminación destes rebrotes, contribuíndo así ao mantemento da parcela e facilitando a continuidade dos traballos de investigación e posta en valor deste enclave patrimonial.
Ademais, no Castro de Montes Claros, os participantes deron continuidade ás actuacións desenvolvidas en edicións anteriores, fundamentalmente mediante a limpeza manual dos afloramentos rochosos e outras tarefas auxiliares vinculadas ás escavacións arqueolóxicas.
O traballo de campo combinouse durante estas dúas semanas cun amplo programa de actividades culturais, educativas e de lecer que permitiu aos participantes coñecer diferentes lugares da Laracha, da Costa da Morte e doutros puntos de Galicia. Visitas, sendeirismo, deportes acuáticos e actividades relacionadas coa música tradicional galega formaron parte dunha programación pensada para complementar o labor desenvolvido nos espazos patrimoniais.
O Concello fai unha valoración positiva desta nova edición do campo de voluntariado, que volveu combinar a conservación e posta en valor do patrimonio municipal coa convivencia entre mozos de diferentes procedencias e o coñecemento da cultura e da contorna galegas. A intervención no menhir de Erboedo supón, ademais, unha nova liña de traballo dentro deste programa que permite avanzar no coidado e posta en valor deste elemento patrimonial e no coñecemento do seu singular emprazamento.