Remontada dos equipos do Grupo Lemaco Xiria

1 minutes read

Grupo Lemaco Xiria “A” 35 – Abegondo Casa Torreiro 35 (15-21)

Remou contra corrente o equipo carballés ata conseguir o empate na derradeira acción do partido.

Os desaxustes defensivos foron notorios nos primeiros 30 minutos, onde o Abegondo materializaba en gol cada acción. Tampouco en ataque estaba a facer un bo encontro o Grupo Lemaco, pois non soubo ler a defensa proposta polo rival, non conseguía gol e facilitaba balóns para as contras do Abegondo.

Na segunda metade viuse un equipo máis intenso na defensa, anticipándose nas accións e poñendo en dificultade aos contrarios. A lectura no ataque tamén foi distinta a anterior, sabendo por onde facer dano ao rival e conservando o balón ata boas posicións de lanzamento.

Empate que proclama ao Grupo Lemaco como campión do seu grupo en espera do próximo formato de liga que decida a federación estas semanas.

O Grupo Lemaco “B” dalle a volta ao partido e gaña ao Atlántico 33-32  – (14-20)

A fe na vitoria estivo presente sempre na mente dos xogadores co Grupo Lemaco que non baixaron os brazos pese a por momentos estar moi distantes de conseguir dobregar ao seu rival.

Moita maior velocidade nos primeiros intres do encontro para o Balonmán Atlántico que ía mandando no partido e no marcador, cada acción dos rivais creaba dúbidas na defensa carballesa que se vía desarborada. Foi pechando as súas liñas o Xiria creando precipitación no ataque dos de Oleiros, e cada balón que recuperaba era transformado nunha rápida contra.

Preto do final, o Grupo Lemaco seguiu insistindo, conseguiu empatar o encontro a falta de 10 minutos e nun novo empurrón  final superou no marcador a un rival que a priori presentábase moi superior.