A Agrupación Socialista de Carballo celebrou este sábado a súa asemblea ordinaria para a renovación da executiva local, nun ambiente de participación e compromiso coa acción política no municipio.
A militancia revalidou a confianza en María Carmen Vila Blanco, que renova, unha vez máis, como Secretaria Xeral, continuando así co proxecto político que leva liderando nos últimos anos, baseado na defensa dos servizos públicos, a igualdade e o desenvolvemento sostible para Carballo.
Un dos principais cambios prodúcese na Secretaría de Organización, onde Juan Ramón Rama Pose releva a César Varela, que deixa o cargo tras unha etapa de intenso traballo e dedicación.
O resto dos membros da nova executiva incorpóranse por primeira vez aos órganos de dirección da agrupación, achegando ideas renovadas e representación de diferentes ámbitos sociais e profesionais:
- María del Carmen Figueiras Britos – Secretaria de Urbanismo e Medio Ambiente
- Xesús Deus Gende – Secretario de Dereitos Sociais e Lingua Galega
- Xosé Antón Iglesias – Secretario de Seguridade e Mobilidade
- Sergio Rodríguez Rama – Secretario de Medio Rural e Participación Veciñal
- María Esther Pena Seoane – Secretaria de Educación, Cultura e Deportes
A nova executiva socialista aposta por unha estrutura renovada, plural e comprometida co presente e futuro de Carballo. O equipo traballará de xeito coordinado para reforzar o vínculo coa cidadanía, fomentar a participación e continuar construíndo un proxecto político sólido e transformador.
Desde a Agrupación Socialista de Carballo afirman que agradecen o traballo dos compañeiros saíntes e dan a benvida aos novos membros, coa ilusión posta en seguir avanzando cara a un Carballo máis xusto, igualitario e sostible, conclúen.

Representantes da renovada Agrupación Socialista de Carballo.