Esta semana a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia informou de que vén de abrir un expediente sancionador a 25 empresas subministradoras de sistemas de electrificación e equipos electromecánicos para a rede ferroviaria. Unha investigación administrativa que se facía pública pouco despois de que Adif, a empresa estatal xestora da maioría da rede, informara, en resposta a unha pregunta parlamentaria de En Marea no Congreso, de que abriu un expediente sobre as derivadas internas que poida ter a investigación xudicial en marcha desde hai catro anos sobre supostos subornos pagados por construtoras a técnicos seus para que lles validasen obras non realizadas segundo o contratado.
A investigación xudicial sobre presuntos subornos a técnicos de Adif por parte de construtoras iniciouse a raíz dunha denuncia sobre irregularidades nunha obra do AVE en Barcelona realizada por Isolux Corsán entre 2008 e 2011, pero estendeuse máis tarde a actuacións por toda España, onde figuran traballos realizados na liña Santiago – Ourense.
As investigacións dos subornos e o cártel poñen o foco na construción da obra civil e a instalación nela do equipamento técnico por parte das empresas, mentres que a de Angrois analiza a xestión e operación posterior da liña por parte de Adif.+praza.gal