Arrincou o evento para deportistas de alto rendemento impulsado por Adrián López, “Piscu” e co que colabora o Concello de Cerceda na cesión das instalacións para que se dean cita mozos e mozas interesados en obter unha beca para estudar e compatibilizar o deporte en USA. Participarán un total de 50. Salt Lake City ou Illinois son dous dos campos ós que poderán optar os mozos interesados no programa.
O obxectivo principal é contribuír e axudar a que “deportistas de toda Galicia” teñan unha oportunidade para compaxinar a competición de elite e os estudos académicos. Celebraranse tanto palestras informativas como encontros menos formais para que o que fose xogador do RCDeportivo, Wigan Athletic ou Club de Foot Montréal poida departir cos novos talentos.
Este martes tivo lugar a presentación no Centro de Negocios Nordés, en Matogrande, na que estivo presente o alcalde de Cerceda, Juan Rodríguez, e a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, ademais do propio xogador e representantes da Federación Galega de Fúbtol.
“Cremos que é moi importante acoller un evento deste nivel no noso municipio, xa que é a primeira vez que se fai en Galicia, e trata dun tema moi relevante: a compatibilidade da formación profesional e deportiva”, sinalou o rexedor de Cerceda.
A través de bolsas económicas en países como Estados Unidos ou Dinamarca, os novos talentos poden compaxinar ambas actividades para que na balanza “ningunha das dúas teñan máis peso”, subliña Adrián López, quen afirma que “acadar o equilibrio entre eses dous mundos é moi complicado, e por iso ter xente o teu carón que che facilite a tarefa é fundamental”.