Foi unha patrulla da Garda Civil, desprazada ata o lugar, a que rescatou o corpo do home na zona do areal situada entre a praia e a capela da Lanzada.
Varias persoas particulares puxéronse en contacto co 112 Galicia para informar dun pescador que parecía necesitar axuda. Todos indicaban que acababan de ver a un home, que estaba a pescar, caer desde unha zona rochosa do areal.
Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertouse aos servizos sanitarios, á Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e ao GES de Sanxenxo.
Poucos minutos despois, os axentes da Garda Civil confirmaron que sacaron o corpo da auga pero que nada puideron facer por salvarlle a vida. Información que engadiron tamén os profesionais do 061, xa desde o lugar.
Finalmente, o Servizo de Gardacostas de Galicia indicoulle ao 112 que, nun primeiro momento mobilizaron o helicóptero de rescate Pesca-I para o punto, pero que a súa intervención non chegou a ser precisa.