53
Un pescador, veciño de Muxía, foi rescatado na tarde deste pasado martes ao caer por unha zona rochosa na Punta da Buitra, no concello muxián.
Os feitos aconteceron pasadas as 17:00 horas e foi un particular quen alertou do suceso ao CIAE 112. O pescador atopábase nunha zona de desnivel e presentaba unha forte dor nas costas por mor da caída. A vítima tivo que ser transportada nunha camilla monte arriba e con moitas dificultades debido á orografía do terreo. Finalmente foi evacuado ó Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
O rescate foi efectuado por voluntarios de Protección Civil de Muxía, os Bombeiros de Cee, axentes da Policía Local, a Garda Civil e sanitarios do 061.