Rescatados os tres tripulantes dun veleiro alemán cunha vía de auga


Salvamento Marítimo rescatou este xoves tres persoas de nacionalidade alemá que ían a bordo do veleiro Milu, tras sufrir esta embarcación unha vía de auga cando se atopaba a 132 millas ao noroeste de Cabo Ortegal, informan fontes do organismo.

O buque tanque North Superior foi o que deu aviso a Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Helimer 402 e ao avión Sasemar 102 debido á distancia á que se atopaba a embarcación.

A pesar das condicións climatolóxicas adversas, con moito vento e mar de fondo de ata 2 metros de altura, o helicóptero rescatou sans e salvos e en tres izadas os tres tripulantes do veleiro, que foron trasladados ao aeroporto da Coruña.