Rescatan a un escalador ferido no Parque do Xurés

1 minutes read

O persoal do 112 Galicia debeu xestionar a mobilización dos recursos necesarios para atender e evacuar a un escalador que sufriu diversas lesións mentres practicaba este deporte no coto das Gralleiras, no Parque do Xurés, no concello ourensá de Muíños.

O home contactou co 112 Galicia para dar conta do suceso. Indicaba que debido a unha caída de altura levara un forte golpe e solicitaba asistencia médica urxente. Igualmente, indicaba a dificultade para acceder ao lugar onde se atopaba, nunha zona de rochas.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais sanitarios, do GES de Muíños, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Xa no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao 112 Galicia que o home presentaba varias fracturas e que procedían a súa evacuación ata a Portela de Pitões, onde os agardaba unha ambulancia para o traslado do ferido ao centro hospitalario de referencia.