Rescatan dúas persoas atrapadas no incendio dun edificio de Santiago

1 minutes read

As dúas sufriran inhalación de fume. O 112 Galicia recibiu os primeiros avisos por este incendio uns dez minutos antes das 11:00 horas deste sábado. Tanto varios veciños do bloque, como algún particular desde a rúa, empregaron o número único de emerxencias para informar de que saía fume dun edificio na rúa de Xoana Nogueira. Ademais, podía haber algunha persoa afectada e xente sen ser capaz de saír ao exterior.

Con esta información, os xestores do 112 Galicia avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santiago e aos de Ordes, ao GES de Brión e á Policía Nacional e á Local.

Os servizos de extinción lograron controlar o incendio e extinguilo, aínda que ardeu por completo o primeiro andar e o resto do edificio veuse afectado polo fume. Ademais, rescatouse a dúas persoas e a un can do inmoble. Os dous implicados foron atendidos polo persoal sanitario e trasladados logo de inhalar fume durante o incendio.

Os bombeiros indicaron que o lume pareceu iniciarse por unha sobrecarga nun dispositivo electrónico. Por outra banda, a Cruz Vermella tamén intervén para axudar aos veciños afectados polo incendio.