A Xunta e os transportistas rexeitan a alternativa proposta polo Goberno central ante o problema de tráfico na A-6, polo derrube do viaduto do Castro, para este inverno por considerala «inviable». O sector expón outra opción que trata de pasar pola nacional en Pedrafita, aínda que cambiando o sentido de entrada.
A Xunta de Galicia na reunión que manterá o próximo día 15 co Ministerio de Transportes e a Junta de Castela e León asegurou que defenderá a proposta dos transportistas.
Segundo explicou o representante da Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Fetram), Diego Arias, é «inaceptable» a alternativa da N-120 polo Barco de Valdeorras e Monforte que propoñen desde o Ministerio porque iso supoñería unha «volta de 50 ou 60 quilómetros»e un gasto de «cen euros a maiores por vehículo de entrada e outros de saída» e unha hora e media de tempo, aproximadamente.