Rexistradas 154 solicitudes para o próximo curso escolar no servizo municipal Madruga da Laracha

2 minutes read

O servizo municipal Madruga, integrado no Programa Harmoniza, contará o próximo curso escolar cun mínimo de 154 usuarios despois de que o período de inscrición rematase o pasado 31 de xullo con todas as solicitudes presentadas en prazo admitidas.

A elevada demanda rexistrada nos tres centros de educación infantil e primaria do municipio distribúese entre as 128 solicitudes recibidas no CEIP Otero Pedrayo, 15 no CEIP Alfredo Brañas e 11 no CEIP de Caión. Estes datos poñen de manifesto a importancia deste recurso para as familias que precisan contar con atención para os seus fillos e fillas antes do inicio da xornada lectiva nos colexios.

O servizo Madruga permite que os nenos e nenas poidan acudir aos centros educativos desde as 7:00 horas, quedando atendidos por persoal especializado ata o momento de inicio da actividade lectiva. Deste xeito facilítase ás familias a organización dos seus horarios laborais e a compatibilidade das súas responsabilidades profesionais co coidado dos menores.

Ante a alta demanda existente nos tres CEIPs, o Concello está a traballar nunha modificación da ordenanza reguladora do servizo co obxectivo de adaptar a normativa e poder dar cabida, tamén, ás solicitudes que poidan presentarse fóra do prazo establecido. A intención é ofrecer resposta ás necesidades das familias e facilitar o acceso ao recurso sempre que existan novas solicitudes.

O servizo Madruga forma parte do Programa Harmoniza, a través do que o Concello ofrece diferentes recursos para favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Neste marco tamén se inclúe Vacacións, que continúa funcionando durante os meses de verán nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Actualmente son 127 nenos e nenas inscritos no servizo, que rexistra unha asistencia media diaria de arredor de 80 usuarios. O programa, dirixido a menores de entre 3 e 12 anos funciona de luns a venres, de 7:00 a 14:15 horas, con actividades educativas, culturais, deportivas e recreativas adaptadas aos diferentes grupos de idade.

O Programa Harmoniza complétase co servizo Canguraxe, dirixido a familias con nenos e nenas de entre 4 meses e 12 anos. Este recurso ofrece atención e coidados nos domicilios para dar resposta a necesidades puntuais de conciliación, sen carácter estable nin prolongado no tempo.

Deste xeito, o Concello mantén durante todo o ano unha oferta de recursos orientados a facilitar a conciliación das familias do municipio e a dar resposta ás diferentes necesidades que poden xurdir tanto durante o curso escolar como nos períodos non lectivos.