Algo parecía que ía pasar este luns na Costa da Morte cando un amplo despregamento de medios capitaneado por catro furgóns da Garda Civil cruzaba Vimianzo pola AC-552 ás 3:30 horas da madrugada deste luns.
Parte do resultado, unha ampla operación conxunta entre a Garda Civil, Vixilancia Aduaneira e a Policía Nacional montada á primeira hora da mañá nun operativo declarado ‘secreto’, ao parecer froito dunha ampla investigación contra o narcotráfico na zona e que podería estar relacionado co narcosubmarino afundido en xaneiro de 2025.
As primeiras informacións falan de que hai varias persoas detidas, entre elas veciños do propio concello de Muxía e un Garda Civil, tras ser realizados rexistros en vivendas, baixos e garaxes.
Segundo algunhas fontes, na zona produciuse unha suposta descarga de droga na praia de Arnela, que polo momento as autoridades non confirman. Tamén se apunta a un tiroteo desde un coche dun gandeiro de Quintáns, que parece que tentou evitar un control e do que mesmo se di que levaría substancias estupefacientes.
