Rivera ofrece na Coruña un pacto co PP para “botar a Sánchez”


O presidente de Ciudadanos estivo este martes na Coruña onde arroupou os candidatos galegos da formación laranxa.

Momentos antes, Albert Rivera recibía unha representación dos traballadores de Alcoa aos que lles trasladou a súa aposta por un cambio de modelo enerxético para a industria electrointensiva.

Xa na esplanada de Palexco, Rivera mantivo un encontro cos cidadáns. Un acto en que estivo acompañado das candidatas ao Congreso por Pontevedra e A Coruña, Beatriz Pino e Marta Rivera de la Cruz.

Nese acto, Albert Rivera acaba de propoñerlle por primeira vez ao Partido Popular un pacto de goberno para impedir que goberne Pedro Sánchez. Di o líder de Ciudadanos que se trata dunha emerxencia nacional.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: “Creo que é unha emerxencia nacional enviar a Sánchez á oposición. E hoxe quero pedirlle aquí en Galicia, desde Ciudadanos ao Partido Popular e ao señor Casado téndolle a man para que formemos un goberno e botemos a Sánchez e aos que queren liquidar España”.