A alcaldesa, Sandra Insua, e a Axente de Desenvolvemento Local de Camariñas, María Jiménez, tiveron unha toma de contacto co tecido empresarial que se irá completando con sucesivas reunións cos representantes de diferentes sectores do municipio, aos que lles expoñerán as conclusións do Plan de Reactivación Económica para a Costa da Morte, presentado o pasado luns en Vimianzo.
Os empresarios presentes expuxeron as súas inquietudes, entre as que destacan o cumprimento das medidas necesarias para poder abrir os seus negocios con seguridade e o control para vixiar o cumprimento das regras establecidas durante a Fase 1 da desescalada.
Unha das ideas que se poñerá en marcha será a creación dunha ruta turística en autobús para visitar o Cabo Vilán dun xeito controlado. Este itinerario funcionaría dúas veces ao día durante os meses de xullo e agosto con saída desde Camariñas. Sandra Insua comprometeuse a pedir autorización á Autoridade Portuaria, titular da vía, para levar a cabo esta iniciativa.