Román Rodríguez puxo en valor en Laxe o investimento da Xunta nos centros educativos da Costa da Morte

2 minutes read

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este xoves o Centro Público Integrado Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, un dos beneficiados pola estratexia de mellora e modernización de centros que está a impulsar a Xunta de Galicia a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Neste sentido, o titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor o investimento de case 8 M€ que se está a facer no marco deste plan na Costa da Morte. “Neste mesmo centro acometemos unha completa intervención de eficiencia enerxética que permitiu mellorar o día a día do alumnado, reducindo ademais o consumo”, detallou.

Esta intervención incluíu o illamento térmico das fachadas mediante sistema SATE, a renovación das carpinterías do edificio de Primaria, o saneado e pintado da estrutura metálica na zona de entrada do edificio de Secundaria e a substitución da cuberta e lucernarios da cafetería e vestiarios. Xunto con outras pequenas reparacións acometidas nos últimos veráns no centro, constitúe un investimento de arredor de 500.000 € do que é o único centro educativo de Laxe.

“O noso compromiso cos centros educativos da Costa da Morte é manifesto”, salientou o conselleiro. “De feito, esta semana acabamos de comprometer o cambio de cuberta do Instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, cun orzamento de case 400.000 € e temos en licitación neste momento a rehabilitación integral do Colexio O Areal, en Camariñas, por máis de 1,1 M€”, remarcou.

Estas actuacións súmanse a outras de gran relevancia como a rehabilitación integral e reforma do salón de actos do Instituto Alfredo Brañas (Carballo, 2 M€), a ampliación do CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 913.000 €) ou as melloras sectoriais acometidas no Centro Público Integrado As Revoltas (Cabana de Bergantiños, 660.000 €), no CEIP Plurilingüe Eugenio López (Cee, 518.000€), entre outras.