O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou a incorporación “inmediata” de 70 novos pediatras a centros de saúde de toda Galicia e seis hospitais comarcais, froito da última convocatoria ofertada por concurso de méritos para cubrir prazas “de difícil cobertura que levaban moito tempo vacantes”.
Rueda lembrou que “Galicia foi pioneira” á hora de ofertar prazas en propiedade mediante mediante este sistema, é dicir, sen exame e enmarcou estas medida nas accións que, “dentro das súas capacidades”, está a levar cabo a Administración autonómica para paliar o déficit de profesionais en determinadas especialidades.
No caso concreto deste concurso ofertábanse 60 prazas de pediatra para atención primaria e 12 para seis hospitais comarcais. Tal e como explicou o presidente, transcorrido o prazo de 10 días que rematou o 20 de febreiro, foron elixidos os destinos ofertados polas persoas participantes. Adxudicáronse os destinos e cóbrense 58 das 60 prazas de pediatras de primaria e a totalidade das referidas aos hospitais comarcais. O departamento sanitario galego fará unha segunda volta para cubrir as dúas prazas pendentes de adxudicar de pediatras de primaria, segundo se desprende dun informe da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, que hoxe abordou o Executivo galego na súa reunión semanal.