Rueda anunciou que a Xunta está a analizar as 84 alegacións á Lei de ordenación do litoral


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Goberno galego está a analizar as 84 alegacións recibidas durante o período de información pública do anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia co fin de estudar o seu contido e valorar a incorporación daquelas ideas e suxestións que contribúan a enriquecer o documento. Rueda resaltou que o gran número de achegas recibidas amosa “o interese” que está a xerar esta normativa “que será aprobada polo Consello e remitida ao Parlamento antes do remate desta primavera”.

En concreto, segundo o informe avaliado no Consello, o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral recibiu suxestións e achegas por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias e de concellos costeiros; de organismos da Administración estatal; das tres universidades galegas; da Confederación de Empresarios de Galicia, do Colexio de Arquitectos e de federacións deportivas, así como de entidades ambientais e cidadáns particulares.

Así mesmo, tamén se rexistrou unha notable participación por parte dos axentes do sector marítimo-pesqueiro —como confrarías de pescadores e asociacións empresariais da cadea mar-industria— que pola súa tradicional vinculación coa costa coinciden en sinalar a necesidade dunha lei feita en clave galega e que ofreza seguridade xurídica para favorecer os investimentos e o desenvolvemento económico da franxa litoral.