O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu este sábado a benvida a 250 novos beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) destinadas a galegos no exterior con título universitario para que cursen un mestrado nunha das tres universidades públicas galegas, e deste xeito favorecer o retorno e o seu asentamento definitivo na Comunidade. “Galicia é unha terra de oportunidades e un dos mellores lugares para vivir. Estaremos encantados e orgullosos se ao rematar a formación quedásedes aquí”, sinalou Rueda, quen lembrou o bo recibimento que tiveron os galegos que emigraron hai décadas a América. “Non nos esquecemos de tantos países que nos deron tantas cousas”, resaltou.
Nun acto en Boqueixón (A Coruña), Rueda celebrou o regreso tanto dos galegos que naceron na Comunidade e que se atopaban fóra como dos fillos e netos de emigrantes que volven á terra das súas familias. Así, para facilitar a decisión de retornar, o xefe do Executivo autonómico salientou as oportunidades e o apoio prestado pola Xunta ao abeiro desta iniciativa. Oportunidades como as propias bolsas BEME, que recoñecen currículos brillantes para que poidan seguir aumentando a súa formación cun mestrado; e apoios como as axudas económicas orientadas a financiar a matrícula, a viaxe ou a manutención, que oscilan entre os 7.000 € e os case 11.500 €. Do mesmo xeito, a Xunta tamén pon a súa disposición a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.
Ademais de agradecer o labor da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados, organizadora do acto xunto co Goberno galego, Rueda sinalou que as bolsas, nas que a Xunta inviste 2,5 millóns de euros, poden ser un paso intermedio cara o establecemento definitivo dos beneficiarios na Comunidade. Desde 2017, esta iniciativa leva beneficiado a 1.150 mozos con título universitario, ás que haberá que sumar 250 máis o ano que vén.