Rueda destaca a relevancia do novo tramo da autovía Tui-A Guarda

1 minutes read

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou que a conexión da A-55 co polígono de Areas a través da autovía Tui-A Guarda —e que agora culmina a súa posta en marcha — vai ser clave para mellorar as comunicacións e acadar a “vertebración fundamental” entre o sur de Galicia e Portugal. 

Así o puxo en valor durante a presentación do novo treito desta vía de altas prestacións, no que estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, onde fixo fincapé na importancia desta infraestrutura “moi demandada e complexa”. 

O titular en funcións do Goberno galego salientou que este novo tramo vai permitir que a veciñanza do Baixo Miño se desprace de forma más rápida e segura pola comarca e vai servir para dinamizar e mellorar a competitividade do polígono de Areas, que conta cunha importante actividade industrial e económica. Grazas a este enlace, os usuarios que se despracen de Tui a A Guarda poderán acceder de forma sinxela a autovía que une Vigo e Portugal (A-55). 

O pasado 17 de xaneiro entraron en servizo tres ramais do enlace que comunica o polígono de Areas coa A-55. En concreto, os ramais de saída do enlace quilométrico 30 da autovía A-55 así como ramal directo entre a glorieta das estradas N-551 e PO-552 e a glorieta. Esta tarde culmínase a conexión entre o polígono de Areas e a autovía que une Vigo e Portugal (A-55) coa posta en servizo do ramal de entrada desde o enlace á autovía en sentido Portugal.