O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, comprometeuse a que Galicia continuará ofrecendo “estabilidade” para atraer novos investimentos a través de proxectos viables e respectuosos coa contorna, á vez que garantiu que continuará e reforzará a senda iniciada en 2009 de “blindaxe” dos servizos públicos.
“Arrancamos catro anos de enorme estabilidade, onde Galicia vai ser protagonista de moitas decisións que se tomen a nivel estatal”, asegurou Rueda durante o almorzo-coloquio empresarial organizado esta mañá en Madrid pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), onde contrapuxo o contexto sociopolítico e económico de Galicia coa situación que ofrece o Executivo central.
Neste senso, lamentou a “malísima noticia”, polas “consecuencias” que suporá para as comunidades, a renuncia a presentar Presupuestos Generales del Estado para 2024, á vez que se amosou crítico coas negociacións “bilaterais” que, segundo advertiu, supoñen “desigualdades xurídicas, territoriais e económicas”.
En canto a non contar con orzamentos xerais para este ano, Rueda amosou o seu temor a que “poñan en risco” transferencias ou infraestruturas comprometidas polo Goberno central con Galicia, en referencia ás bonificacións das peaxes na AP-9 ou os investimentos para o Corredor Atlántico Noroeste, ao mesmo tempo que se prorrogan un ano máis as insuficientes partidas referidas á vía de alta velocidade para conectar Galicia con Portugal.