Rueda puxo en valor o papel de José Quiroga na construción da autonomía de Galicia

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o papel do expresidente José Quiroga na construción da autonomía de Galicia como a casa común da que hoxe desfruta o pobo galego. O mandatario autonómico asegurouno na súa intervención no acto de nomeamento do político de Petín como fillo predilecto da provincia de Ourense por iniciativa da Deputación provincial. 

Rueda enxalzou a talla “física, moral e política” dunha figura que sen esquecer nunca as súas obrigas como médico e como pai de familia foi quen de emprender un camiño cheo de incertezas como foi o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía. Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos os persoeiros que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”. 

Loou tamén e carácter construtivo e dialogante daquela xeración de políticos que, nos tempos da Transición e por riba das diferenzas, tiñan o obxectivo común de acadar unha Constitución para España e un Estatuto para Galicia.

Rueda aproveitou o acto para render homenaxe aos que lle precederon na presidencia da Xunta. “Os galegos teñen unha galería de presidentes da que poden sentirse orgullosos -asegurou-. Con independencia da súa cor política, a todos cómpre render tributo porque todos aportaron á obra común que chamamos Galicia”.