Rueda pon en valor o paquete de medidas destinadas a axudar ás familias


O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor este xoves a aprobación no Consello da Xunta dun paquete de medidas destinadas a axudar ás familias en colaboración coas entidades sociais e locais de Galicia. O titular do Executivo galego informou de que este conxunto de convocatarias contarán cun investimento de preto de 33 millóns de euros para impulsar programas e iniciativas vinculados co ámbito da atención aos colectivos máis vulnerables.

Intervención de Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta.

Entre estas medidas, Rueda informou da aprobación da orde de axudas con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) que este ano distribuirá 19,1 millóns de euros para financiar programas de carácter social impulsados polas entidades sociais de Galicia. As axudas financiarán gastos correntes deste tipo de programas e tamén está previsto financiar gastos de investimento referidos a obras de equipamento, rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados.

Esta partida corresponde á parte dos fondos que xestiona a Consellería de Política Social e Xuventude e aos que se engadirán outros xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade e pola Consellería de Sanidade. Os programas que se poderán financiar serán polo tanto aqueles dirixidos a asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como programas que favorezan o voluntariado e a inclusión social.

Entre as medidas incluídas, o presidente da Xunta tamén salientou a nova orde de axudas para a construción ou rehabilitación de centros de atención de iniciativa social.