Rueda salienta o incremento de peregrinos con respecto a 2023

1 minutes read

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este sábado a boa saúde da que gozan as rutas xacobeas debido a que, despois de acadar datos récord o ano pasado, nestes primeiros dous meses de 2024 a afluencia segue mellorando. Así, foron preto de 5.300 os peregrinos que recolleron a súa Compostela no que vai de ano, o que supón cerca de 400 máis que no mesmo período do 2023. Así o destacou nunha visita ás obras de mellora da mariña de Vilanova de Arousa, uns traballos enmarcados na execución do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con fondos europeos, para optimizar e poñer en valor os bens e instalacións vencelladas ao Camiño. Estas actuacións, baseadas na colocación dunha rampla de acceso, a instalación de placas solares e térmicas, o cambio da rede de luminarias dos pantaláns e do peche da terraza, entre outras, permitirán mellorar tanto a accesibilidade como a eficiencia enerxética e a seguridade dos usuarios destas instalacións deportivas, situadas na única ruta xacobea por mar.