As tropas rusas tratan de tomar a planta de Azovstal, último foco de resistencia na estratéxica Mariúpol, no sueste de Ucraína. Por primeira vez lanzaron un asalto con tanques e infantería. A conquista da siderúrxica parece ser agora o gran obxectivo de Moscova. Un trofeo do que presumir o próximo 9 de maio, o Día da Vitoria sobre a Alemaña nazi. O Ministerio de Defensa ruso acusou a membros do Rexemento Azov, que defenden a fábrica, de aproveitar o cesamento do fogo, decretado para evacuar a civís, para reposicionarse e ocupar posicións de combate. En Kiev, familiares de combatentes do Rexemento Azov instaron á comunidade internacional a facer todo o posible para sacalos de Azovstal.
Para instar a Rusia a que permita que sigan as evacuacións na planta de Azovstal o presidente francés chamou por teléfonoa o seu homólogo ruso. Vladímir Putin díxolle a Emmanuel Macron que a Unión Europea fai caso omiso a «os crimes de guerra que cometen os militares ucraínos, aos bombardeos masivos de cidades e pobos do Donbás». E que Occidente podería axudar a poñer fin a estes crimes.