Sada recibirá case un millón de euros a través do Plan Único Provincial

1 minutes read

O Concello de Sada recibirá un total de 913.394 € como asignación inicial do Plan Único da Deputación, dos que máis de 160.000 euros se destinarán a gasto social extraordinario. Os proxectos do goberno municipal para a nova convocatoria do plan foi un dos eixos centrais da reunión que mantiveron o vicepresidente e deputado de Plans da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, co alcalde de Sada, Benito Portela. Ambos, acompañados de distintos membros da corporación visitaron diferentes obras financiadas con fondos provinciais entre as que se atopan a remodelación da rúa Lugrís Freire, a cuberta da pista polideportiva de Mondego e o parque infantil das Brañas. Na visita percorreron tamén a zona afectada polos asulagamentos no curso do río Maior que será obxecto dunha futura actuación para a que a Deputación achegará 378.000 euros.