- Galicia foi unha das comunidades que propuxo adiantar o toque de queda para frear a expansión do virus.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, descartou este mércores, a petición de oito comunidades autónomas, modificar o estado de alarma para adiantar o toque de queda antes das 22:00 horas, aínda que asegurou que esta proposta “será estudada” por parte do Executivo central.
O Goberno emprazara ás CC. AA. para debater e acordar nesta reunión a petición de reformar o actual estado de alarma para adiantar o horario do toque de queda ás 20.00 horas ou mesmo ás 18.00 como pediron algúns gobernos autonómicos.
O ministro Illa considera que a cogobernanza está funcionando ben, e que as comunidades teñen todo na súa man para facerlle fronte á pandemia baixo o paraugas do actual decreto de estado de alarma.
Neste sentido, tanto Illa como a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, insistiron en que os gobernos autonómicos teñen aínda capacidade de aplicar máis medidas que estean amparadas polo actual estado de alarma que rexe no país ata o mes de maio.