O112 Galicia tivo constancia, na tarde deste mércores, da caída dun home ao mar preto da praia de La Reja, na parroquia de Arcade, despois de que a Garda Civil de Pontevedra recollese o aviso. A chamada alertante procedía dun familiar do afectado, o cal indicou a situación do home, que estaba suxeitándose a unha rocha e non sabía nadar.
Decontado, os xestores do 112 Galicia informaron dos feitos a Salvamento marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, grupo acuático dos Bombeiros do Baixo Miño, Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Redondela.
Por parte de Salvamento Marítimo mobilizouse tanto o helicóptero Pesca-1 como a embarcación auxiliar María Pita. A través desta última puido efectuarse o rescate do varón, o cal foi atendido xa en terra polo persoal sanitario, sen que fose necesario o seu traslado.