Salvemos Cabana pide o cesamento do Director Xeral de Enerxía e Minas

2 minutes read

Tras facerse público que está a ser investigado por suposta prevaricación ambiental

Os indicios que hai sobre o caso e que relata a Fiscalía de Medio Ambiente, no que a Dirección Xeral de Minas co investigado á fronte aprobou a reapertura do proxecto extractivo, suprimiuse a necesidade de Estudo de Impacto Ambiental como condicionante, e supostamente existiu permisividade coa contaminación mineira son razóns máis que suficientes para que Ángel Bernardo Tahoces sexa cesado á fronte do cargo público que ocupa. Hai que lembrar, ademais, que o aínda Director Xeral de Enerxía e Minas, en este e outros proxectos como os eólicos de Mouriños (Cabana de Bergantiños) e Pena Forcada- Catasol II (Laxe), que Naturgy está a instalar en dúas das últimas paisaxes virxes da Costa da Morte, non dubidou en utilizar o mazo da Lei 5/2017, imposta polo PP a golpe de maioría absoluta, para acelerar a súa tramitación ignorando a diario o centenar de alegacións presentadas por colectivos e particulares, convertendo ás alancadas algúns dos puntos máis valiosos da contorna natural galego en chan industrial. De feito, a citada Lei 5/2017, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, imposta polo PP a golpe de maioría absoluta e defendida tanto polos responsables políticos tanto da Dirección Xeral de Enerxía e Minas como pola Consellería de Industria simplifica e acelera ao máximo os procedementos administrativos en prexuízo dos intereses das poboacións afectadas, pois na práctica o proceso de información pública pasa a ser algo meramente testemuñal. Por outra banda, e en aras da obxectividade, á cidadanía do montón resúltalle difícil comprender como pode ser posible, tal e como se publicou recentemente en prensa económica, que o propio Tahoces poida formar parte do consello de administración de Gas Galicia, empresa participada por Naturgy nas súas dúas terceiras partes, e que tamén exerza de secretario no centro tecnolóxico Energylab, cuxo presidente do seu comité executivo é o delegado da enerxética en territorio galego.