O presidente do Goberno en funcións insiste en que quere un goberno socialista e insta a Pablo Iglesias a reconsiderar a súa estratexia tras os resultados electorais deste domingo. Desde a propia coalición, o líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón, desmarcouse tamén da postura de Iglesias.
Unidas Podemos insiste en que o revés electoral nas municipais e autonómicas non impide que sigan sendo determinantes para investir a Sánchez. Por iso, non retiran a súa demanda de entrar no futuro executivo.
Irene Montero, voceira de Unidas Podemos, reitera que “somos decisivos para que haxa un goberno de coalición progresista en España e creo que todo iso é o que a xente quere. Imos traballar para iso desde a posición que nos deron, que é modesta, pero non esquecendo que nós nacimos para gobernar”
Pero Pedro Sánchez cre que o 26-M si obriga a Iglesias a reconsiderar a súa estratexia e a aceptar o executivo monocor.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, avoga por “non mirar o carné político, senón mirar se compartimos unha orientación política determinada, con independentes de recoñecido prestixio incorporados ao Goberno. Esa é a liña na que imos seguir traballando despois do 26 de maio, é máis, con máis convicción”
A outra pata da coalición, Izquierda Unida, desmárcase tamén da esixencia de Podemos: di Alberto Garzón que non se pode empezar a casa polo tellado.
Alberto Garzón, coordinador xeral de IU, di que “nós queremos un acordo e un pacto e iso abre múltiples posibilidades, e estamos abertos a calquera. Non podemos empezar a casa polo tellado” “Imos traballar por un acordo co Partido Socialista para garantir un goberno que reverta os recortes acumulados, pero iso non depende só de nós, depende sobre todo do Partido Socialista. E subliño: estamos abertos a calquera posibilidade”
Unidas Podemos advirte un cambio de discurso entre os socialistas e advirtelles que as familias traballadoras non entenderían un achegamento a Ciudadanos.