O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mantivo unha conversación telefónica co seu homólogo estadounidense, Joe Biden, na que analizaron a situación en Afganistán e acordaron que as bases de Rota e Morón acollan temporalmente a afgáns que colaboraron con Estados Unidos.
Sánchez informou desta conversación co presidente de EE.UU., que durou uns 25 minutos, na súa conta de Twitter, na que cualificou de «frutífera» a charla. Moncloa concretou que foi Biden quen chamou a Sánchez e móstranse satisfeitos da que, din, non foi unha conversación de cortesía, senón de contido político, de alto nivel de recoñecemento dunha xestión «modélica e exemplar».
«Abordamos varios temas de interese común, en especial a situación en Afganistán e a colaboración entre ambos os gobernos na evacuación de cidadáns e cidadás desde ese país», escribiu o presidente do Goberno.