O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presidiu este sábado no estaleiro de Navantia en Ferrol o acto de inicio da execución da nova fábrica dixital de bloques do recinto, no que tamén se procedeu ao corte da primeira chapa da fragata F-112 para a Armada, a «Roger de Lauria». Trátase de dous fitos na construción naval e no seu futuro. O programa das F-110 implica un investimento directo de 4.320 millóns de euros que xerará 9.000 empregos directos e indirectos ata o ano 2031, segundo as previsións de Navantia.
Segundo o xefe do Executivo, «é un gran día para Navantia» polo «desenvolvemento dunha nova fábrica» que será «punta de lanza do plan de transformación dixital de Navantia», con cuxos representantes sindicais, desvelou, tivo oportunidade de conversar á súa chegada ás instalacións. Sánchez destacou as capacidades de reindustrializar grazas aos fondos europeos e falou dun cambio de paradigma na construción naval, con «unha aposta sen precedentes das institucións públicas por reindustrializar o noso país».
Pedro Sánchez afirmou que o plan é «unha aposta por esta comarca en termos de cohesión territorial e prestixio» porque «en Ferrol vai situar a auténtica referencia na construción de fragatas». Así, apostou Sánchez pola reindustrialización, a dixitalización e a cohesión territorial nun «rumbo certo cara á modernización do noso tecido produtivo», no que tamén enmarcou a execución de cinco fragatas en Ferrol ata 2032 por 4.325 millóns de euros, que garanten traballo por 12 anos e uns 9.000 empregos.
Tras esta visita a Navantia Pedro Sánchez acudiu a Santiago onde os socialistas galegos celebraron esta fin de semana unha convención política ‘Agora camiña Galicia’ para sentar as bases do seu programa electoral para os comicios do vindeiro ano. O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, arroupou a José Ramón Gómez Besteiro, candidato dos socialistas á Xunta, na convención política da que saen as bases do programa electoral do PSdeG para as eleccións autonómicas previstas para o próximo semestre. A vicepresidenta segunda e próxima presidenta do Banco Europeo de Investimentos, Nadia Calviño, pechará o acto este domingo ao mediodía.
A presenza de Sánchez, a quen os socialistas galegos agradeceron o seu esforzo por estar este sábado na Cidade da Cultura a pesar da súa intensa axenda europea, é unha mostra máis do apoio que brindou ao longo dos últimos meses a Besteiro, deputado no Congreso con quen garda unha estreita relación desde hai tempo. É máis: en apenas un mes, o PSOE celebrará unha conferencia política na Coruña os días 20 e 21 de xaneiro para renovar parte da súa Executiva Federal e abordar a súa estratexia nesta nova lexislatura.