A ministra de Sanidade, Mónica García, expresou no Senado a súa vontade de chegar a acordos e o diálogo como prioridades da súa xestión, e anunciou que o Ministerio de Sanidade está a estudar a posibilidade de que o preservativo estea cuberto por parte do sistema público, sendo gratuíto para aquelas franxas de idade novas con menor poder adquisitivo e que presenta uns incrementos importantes nas taxas de infeccións de transmisión sexual (ITS). “Non hai mellor política de saúde pública que a prevención”, dixo a ministra, que explicou que o Ministerio ten clara a folla de roteiro para abordar o incremento das ITS, sen culpabilizar ás persoas.
Por outra banda, falou da creación da Especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, que se atopa nunha fase avanzada, e estase continuando o traballo para contar coas especialidades de Xenética Humana, Enfermidades Infecciosas e Laboratorio Clínico. Tamén destacou a necesidade de reforzar a Atención Primaria coas comunidades autónomas e a colaboración co Ministerio de Traballo e de Seguridade Social para incorporar a autoxustificación da ausencia por enfermidade leve ao posto de traballo.