Sanidade aproba o plan de saúde local de Santa Comba

1 minutes read

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou no acto de sinatura dos catorce primeiros plans de saúde local, entre os que se atopa o do Concello de Santa Comba, co que se está a marcar o camiño da transformación da atención primaria en España, matizou o conselleiro.

Un plan de saúde local é un documento estratéxico e de xestión “vivo, aberto e participativo”, que se presenta como a mellor “radiografía da saúde” da poboación de referencia e a mellor guía para planificar toda acción que poida mellorar a calidade de vida do paciente.

Comesaña remarcou que “estes plans marcan a diferenza con calquera outro plan previo en que teñen perfectamente identificadas as necesidades e perfectamente definidas as solucións” a adoptar nos vindeiros catro anos en cada servizo de atención primaria: “Son catorce plans diferentes para catorce realidades diferentes”. Para o conselleiro de Sanidade, a singularidade radica, ademais, en que foron ideados e elaborados polos propios profesionais de cada centro, os que máis e mellor coñecen as demandas de atención de pacientes e do seu servizo de atención primaria.