Sanidade confirma un caso de salmonela relacionada cunha partida de ovos de chocolate


Tras a alerta comunicada polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade sobre a asociación de salmonelose cunha determinada partida de ovos de chocolate, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade emitiu un comunicado ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás xefaturas territoriais da consellería, co alcance da alerta e o procedemento de actuación.

Dentro das accións de vixilancia incluíuse a procura activa de casos relacionados (ademais da retirada dos lotes correspondentes do produto obxecto da alerta).

Con este procedemento identificáronse tres posibles casos dos que, a día de hoxe, só un foi confirmado. Trátase dun menor, da área sanitaria de Lugo, que xa foi dado de alta. Os outros dous casos están en estudo e pendentes de confirmar a súa relación directa coa inxesta deste produto.

Ao respecto desta alerta, o orixe da mesma sitúase no momento no que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición tivo coñecemento, a través da Rede de Alerta Alimentaria Europea, dunha notificación relativa á retirada precautoria de lotes de determinados produtos fabricados en Bélxica e distribuídos en diferentes países.